O equipo de traballo está formado polas seguintes persoas: no equipo xerocultor están Paula, Noelia, Nuria, Judit, Yudit e Rosa; e respecto ao equipo técnico estamos Marta, Belén, Teresa, Estefania e Pablo. O noso Centro de Día esta situado na cidade de A Coruña. Concretamente, nunha área urbana coñecida coma o barrio de Monte Alto que, ademais do seu vínculo coa propia cidade, ten un pasado particular mariñeiro e de pescadores.

A particular situación xeográfica das nosas instalacións, sumado ao interese por parte das propias persoas usuarias, facilita en gran medida a implementación de diversas actividades no exterior (entre elas, destacaríamos dende as saídas programadas a eventos na comunidade ou lugares de interese para os e as participantes, ata actividades cotiás coma ir á compra para a realización doutras dinámicas dentro do propio Centro).

Por outra banda, no interior das instalacións as persoas usuarias teñen a posibilidade de elixir, sempre dentro dos seus intereses, entre diversas propostas de actividade (dende actividades de mantemento físico diarias, ata dinámicas eventuais de cociña, estancia con animais, aprendizaxe de novas tecnoloxías ou decoración do Centro).

Todas estas actividades, tanto as xa realizadas coma as proxectadas para o futuro, contaron coa participación directa das propias persoas usuarias na toma de decisións e preparación das mesmas. Por este motivo, sumado ao cariño e respecto que todos os compañeiros e compañeiras temos polas persoas asistentes ao Centro, as persoas usuarias amosan satisfacción e afecto polo Centro de Día.